En 2019 a Universidade de Vigo lanzou a súa primeira convocatoria de proxectos de innovación educativa de Aprendizaxe-Servizo (ApS). Desde ese ano ata a actualidade levo desenvolvendo o proxecto DIXITAIS: laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática coa imprescindible axuda do meu alumnado e a colaboración da ONG Ecos do Sur.

Son Alberto Dafonte, Profesor Titular no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Vigo e coordinador do Grupo de Innovación Docente DIXITAIS desde 2016, e nesta páxina pretendo explicar brevemente en que consiste o proxecto e amosar parte do traballo realizado nos últimos anos.

imaxe_aps.png

Obxectivos

A proposta baséase na constatación de que a desinformación afecta á convivencia social e contribúe a xerar climas de opinión pública hostís contra minorías ou colectivos vulnerables como as persoas migrantes, o movemento feminista ou, tamén, os sistemas de ciencia e saúde pública (Ramahí-García; García-Crespo e Dafonte-Gómez, 2021). Dada a gran proliferación do fenómeno na actualidade e os perigos que implica, distintas organizacións internacionais como a UNESCO, a OCDE, a Comisión Europea ou o Consello de Europa destacaron o valor da alfabetización dixital e mediática da cidadanía como medida preventiva ante a desinformación (Final Report of the Commission Expert Group on Tackling Disinformation and Promoting Digital Literacy through Education and Training, 2022).

Con este diagnóstico preliminar sobre o problema o proxecto busca:

  1. Comprender o fenómeno da desinformación e os seus efectos na sociedade.
  2. Identificar recursos narrativos deste tipo de manipulacións e as súas estratexias de distribución.
  3. Crear e compartir materiais audiovisuais divulgativos para redes sociais con respecto á problemática.

O Laboratorio xurdiu vinculado á materia Teoría e práctica da comunicación televisiva no Grao en Publicidade e Relacións Públicas da Universidade de Vigo e desenvolveuse nesa contorna durante as súas primeiras 4 edicións, pero no curso 23-24 trasládase á materia Propaganda en medios audiovisuais no Grao en Comunicación Audiovisual, o que nos permite unha vinculación máis profunda entre a dimensión teórica da materia e o seu desenvolvemento práctico, entrando nunha etapa más especializada en canto aos contidos abordados no proxecto.

O obxectivo desta páxina é o de servir de repositorio, cando menos, desta segunda etapa do proxecto

Mediateca

Proxectos 2024-25

Proxectos 2023-24